Sistema de admisión
Requisitos dos solicitantes
- Poderá solicitarse o ingreso na Escola Infantil dos nenos/as que cumpran 2 anos antes do 31 de decembro do ano que se solicita praza.
- Estar ao corrente nas vacinacións da Comunidade Autónoma de Galiza.
Solicitudes de novo ingreso
- As solicitudes de novo ingreso recolleranse na secretaría da Escola Infantil (Anexo I) e presentaranse, debidamente cumprimentada, tamén na secretaría.
- A solicitude terá que estar asinada por calquera dos titulares da patria potestade ou representantes legais.
No caso de separación ou divorcio será necesaria a sinatura de ambos proxenitores, agás que a patria potestade estea atribuída, con carácter exclusivo, a un deles. En ambos casos, será necesario presentar, xunto coa solicitude de admisión, a resolución xudicial correspondente para o seu cotexo polo centro educativo.
Documentación requirida previa ao ingreso
- Solicitude de admisión (Anexo I), que será facilitado na secretaría da Escola Infantil.
- Certificado médico que acredite que o/a neno/a non padece enfermidade contaxiosa e está vacinado de acordo co calendario de vacinación vixente.
- Fotocopia do libro de familia ou no seu defecto outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.
Procedemento de ingreso
Prazo de solicitudes de admisión
O prazo de presentación das solicitudes de novo ingreso será desde o 1 ao 20 de marzo de cada ano, ambos dous inclusive.
Procedemento para a adxudicación de vacantes
- As prazas adxudicaranse segundo os seguintes criterios preferentes:
- Cando o pai/nai ou titor/a legal do/a solicitante traballe no centro, este será admitido automaticamente.
- Cando algún/unha irmán/á do/a solicitante estea matriculado no CPR Santiago Apóstol en calquera nivel de ensinanza, este será admitido automaticamente.
- Se unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, e adxudicados os postos escolares aos solicitantes citados no punto anterior, estas superasen o número de prazas vacantes iniciarase un proceso de selección de solicitantes baseándose na aplicación do seguinte baremo:
CRITERIOS |
PUNTUACIÓN |
Fillos/as de ex- alumnos do centro | 7 |
Proximidade do domicilio familiar ao centro
|
6 |
Proximidade do lugar de traballo ao centro (non acumulable ao domicilio)
|
4 |
Documentación a presentar cando a demanda de prazas sexa superior á oferta
Logo de determinar que o número de solicitudes é superior ao de prazas ofertadas, a escola abrirá un prazo de 10 días, contados a partir dos dous días seguintes ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión, para achegar a documentación xustificativa dos criterios de baremo.
A falta de presentación en prazo da documentación requirida impedirá ter por acreditado o criterio ou criterios afectados, e en consecuencia, impedirá valoralos para efectos de determinar a puntuación.
Para efectos de cumprir os trámites do procedemento de admisión e matrícula do alumnado, cando o último día do prazo non sexa lectivo, prorrogarase automaticamente ata o día lectivo inmediato seguinte.
A documentación para acreditar os criterios é a seguinte:
- Certificado do Colexio Santiago Apóstol que acredite que o pai ou a nai do/a solicitante foi alumno/a do centro.
- Certificado do Padrón municipal no que figuren todos os membros da unidade familiar que conviven nel. Deberá estar expedido dentro do ano natural ao que corresponda o proceso de admisión.
- Certificado da empresa que ten empregado ao pai ou á nai do/a solicitante onde figure o enderezo do centro de traballo, e no caso de traballadores/as por conta propia, alta censual inicial ante a AEAT e alta na TXSS no réxime correspondente.
Puntuación total e criterios de desempate
A puntuación total acadada conforme os criterios e valoración establecidos decidirá a orde de admisión.
No caso de empate na puntuación final, resolverase atendendo á maior puntuación obtida en cada un dos referidos criterios atendendo a seguinte orde de prelación:
- Fillos/as de ex-alumnos/as do centro.
- Proximidade do centro ao domicilio familiar.
- Proximidade do centro ao lugar de traballo do pai, da nai ou titores/as legais.
Se unha vez aplicados estes criterios se mantén o empate, este resolverase aplicando o resultado dun sorteo público, que realizará anualmente a Consellería de Educación, antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes, para a prioridade das letras dos apelidos.
Relación provisional de admitidos e non admitidos
As listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas deberán publicarse antes do día 25 de abril de cada ano, indicando expresamente que se poderá formular reclamación no prazo de 5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación ante a titularidade do centro.
Publicación da listaxe definitiva de admitidos e non admitidos
A estimación ou desestimación das reclamacións formuladas fronte as listaxes provisionais, entenderase realizada a través das listaxes definitivas de persoas admitidas ou non admitidas.
A titularidade do centro publicará no seu taboleiro de anuncios, antes do 15 de maio de cada ano, as listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas, ordenadas segundo a puntuación total.
Lista de espera e adxudicación de vacantes
As vacantes que se vaian producindo ao longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os/as solicitantes da lista de espera. As prazas que, sen causa xustificada, non se atopen cubertas ao 15 días de iniciarse o curso escolar, consideraranse como vacantes.
Impresos
- Solicitude de admisión (Anexo I)
- Parte de baixa de alumnado (Anexo II)
- Autorización para traslado a un centro médico (Anexo III)
- Autorización para a administración de medicamentos (Anexo IV)
- Responsabilidade alimentos (Anexo V)
- Autorización para o uso de imaxes no entorno escolar (Anexo VI)
- Autorización para a recollida do neno/a (Anexo VII)