O son do ar

Os alumnos de sexto de Primaria, o día 9 de xaneiro, fixemos unha saída de aula aberta ao parque eólico de Sotavento, situado na Serra da Loba. Chamounos moito a atención que este parque estea entre as provincias de Lugo e a Coruña. VAIA LÍO!

A viaxe foi curta, pero moi intensa… Moitos mareámonos, pero iso quedou nunha anécdota.

Cando chegamos ao parque, vimos moitos aeroxeradores e tamén debuxos e figuras relacionadas coa novela do Quixote, xa que nela se fala en numerosas ocasións do vento.

Recibimos unha charla sobre os tipos de enerxías e a importancia da boa xestión e aforro desta. Aprendemos cales son as principais enerxías renovables e as súa identificación mediante cores.

Despois visitamos unha casa incrible. É bioclimática! Que pasada! Cun mando a distancia moviamos as persianas para regular a luz e a temperatura. Tamén tiña moitas vantaxes soamente por estar orientada cara o sur e ter unha piscina. E se usamos as ventás de forma axeitada conseguiremos máis ou menos calor dependendo da estación do ano. Asemade, as paredes movíanse e a calefacción estaba no chan. No teito había ventiladores que podían servir para repartir a calor dos cuartos ou, polo contrario, para refrescar. Aprendemos que as luces LED ademais de dar moita luz son máis económicas e non producen calor innecesaria. E vimos o uso dos diferentes botóns da auga nun wc e o perlizador da billa.

Chamounos moito a atención o gasto tan “parvo” que facemos coa enerxía pantasma que non usamos, pero sí pagan os nosos pais.

Rematada a visita á casa, fomos a un taller onde nos ensinaron as diferentes partes dun aeroxerador como as pas, a multiplicadora e ata movemos, en grupo, un rodamento xigante.

Un pequeno descanso e, a media mañá, amosáronnos o funcionamento de diferentes aparellos para producir enerxía e entramos no interior dun aeroxerador. Era xigante! Ía moito frío… e, aínda que estivemos dentro case sempre, vimos dous cans enormes no parque.

Collage de fotos

Por último, antes de xantar, xogamos ao Pasapalabra a clase de A contra a de B. Estivo moi parello e aínda que, ao principio fomos un pouco competitivos unha clase coa outra, despois decatámonos de que era só un xogo, non gañabamos nin perdiamos nada e aprendemos moitísimo.

Voltamos ao cole sen tantos mareos como á ida. Xogamos no patio do cole para rematar o día.

Foi unha gran excursión, interesante e sorprendente. Aprendemos moito. E os monitores eran moi simpáticos.

Moitas grazas Javi, David e Manuel polas vosas ensinanzas!

Post relacionados

Concurso de videopoemasConcurso de videopoemas

Un grupo de alumnos de 4º de ESO acudiu a Lugo, o sábado día 11, para recibir o diploma de finalistas no III Concurso de videopoemas, organizado pola Casa Museo Manuel María. Gozamos dunha xornada moi agradábel durante a que se proxectaron os vídeos finalistas; e tamén coñecemos un pouco máis sobre a vida deste gran poeta e defensor da nosa lingua.

(máis…)