Unhas 1.300 persoas participaron o pasado venres, 3 de maio, na duodécima edición da Marcha Ciclista Escolar organizada polo Concello, desde o equipo de Educación Viaria, en colaboración coas Anpas dos centros de ensino.
Participaron alumnos dos colexios Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros, O Feal, A Gándara, SANTIAGO APÓSTOL, A Solaina, Ayala, Virxe do Mar, do centro A nosa Señora de Chamorro, de Narón, e do colexio Maciñeira, este último de Neda.
No percorrido estiveron acompañados por unha ampla representación dos pais e nais dos escolares, integrantes das Anpas dos centros, e persoal do Moto Club Fojeteiros, do ximnasio Beny Gym, dos clubs ciclistas de Narón Vara e Pedal, Eskornabois e Clásico BikeWorks. Persoal do Speis de Narón e axentes da Policía Local acompañaron tamén aos participantes nesta XII Marcha Ciclista Escolar.
Ao chegar o paseo de Xuvia, aparcaron as bicicletas en espazos delimitados para cada centro e realizaron unha parada para repoñer forzas, a base de laranxas, pan e auga, para descansar un pouco antes de participar, tamén no paseo, nunha MASTER CLASS de ZUMBA.
Ás 12:45 horas, os participantes recolleron de novo as súas bicicletas para dirixirse nelas de regreso aos seus respectivos centros escolares.
Vémonos na próxima edición!